ponteareas

O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento a situación do Centro de Saúde de Ponteareas

Foto de arquivo da visita que fixeron, ao Centro de Saúde de Ponteareas os deputados socialistas Julio Torrado (primeiro pola esquerda) e Patricia Vilán Foto de arquivo da visita que fixeron, ao Centro de Saúde de Ponteareas os deputados socialistas Julio Torrado (primeiro pola esquerda) e Patricia Vilán

O PSdeG-PSOE vén de presentar unha Proposición Non de Lei e diversas preguntas no Parlamento de Galicia instando á Xunta de Galicia a pór solución aos problemas detectados polos deputados socialistas, Julio Torrado e Patricia Vilán, na súa visita ao Centro de Saúde de Ponteareas.

Trala visita dos deputados socialistas ao Centro de Saúde, na que estiveron acompañados pola Secretaria Xeral socialista de Ponteareas, Chus Garrote, estes veñen de rexistrar perante o Parlamento de Galicia numerosas iniciativas a través dunha PNL reclamándolle á Xunta de Galicia solucións aos problemas denunciados polo PSdeG-PSOE nos medios de comunicación nas pasadas semanas.

A Proposición Non de Lei presentada polos socialistas insta ao goberno de Núñez Feijóo a realizar unha avaliación do estado das infraestruturas da comarca do Condado-Paradanta, con especial atención ás condicións de accesibilidade dos centros de saúde como o de Ponteareas.

Ademais, o PSdeG-PSOE solicitou no Parlamento de Galicia a contratación dun técnico especialista para a utilización do aparataxe de radioloxía no Centro de Saúde de Ponteareas, que permita a utilización da maquinaria pola tarde e non só pola mañá como está sucedendo na actualidade.

Entre as preguntas rexistradas para a súa contestación, tanto de maneira oral como escrita, solicítaselle ao goberno da Xunta explicacións polo estado deficitario dos servizos de atención primaria e se ten previsto tomar medidas ao respecto.

Os socialistas de Ponteareas consideran que o goberno do Partido Popular fixo "deixadez das súas funcións" e manifestan que permanecerán vixiantes ata que o Goberno de Núñez Feijóo "poña solución aos problemas do PAC de Ponteareas".