ponteareas

ACiP pedirá explicacións sobre a empresa que presta o servizo de Axuda no Fogar

Alternativa Ciudadana de Ponteareas, ACiP, pedirá explicacións ao Goberno local, no próximo Pleno Ordinario, da situación na que se atopa a empresa de servizo de Axuda no Fogar. Juan Carlos González Carrera asegura que no pasado pleno, o Goberno "tratou de forzar a privatización do servizo de Axuda no Fogar cun contrato de 2,5 millóns de euros". Dito contrato, asegura o concelleiro de ACiP, "hipotecaría a vindeira Corporación que xurdise tralas eleccións do próximo ano 2019".

A intención do Goberno local, segundo González Carrera, era que a oposición "non tivera tempo de ver a documentación", pero, engade, "tampouco fixeron caso ás advertencias de que non lles daría tempo para publicar nos diarios oficiais, como marca a lei". Finalmente, malia aprobar os pregos só cos votos do Goberno, non chegaron a tempo e o acordo quedou anulado.

Considera curioso Juan Carlos González, o feito de que houbo marxe dabondo para facelo "desde que rematou o contrato anterior, en setembro do ano pasado", creando así unha situación na que a actual empresa continúa, de xeito prorrogado, prestando o seu labor "aínda que cun sobrecusto de máis dun 25% por hora de servizo". Para ACiP o incemento imposto pola empresa "non é legal", xa que esta suba "debería aprobala o Pleno e non a Alcaldía, como así fixo".

Para González Carrera a única conclusión que se saca é a perda "de 2.000 euros de custo do pleno extraordinario do pasado mes de marzo, que se volverán a gastar noutro pleno despois de ter que redactar os pregos en base á nova lei de contratos das administracións públicas". Remata o portavoz de ACiP asegurando que o servizo de Axuda ao Fogar, "non volverá estar adxudicado nin sequera a final deste ano, e mentres tanto a empresa cuxo contrato xa venceu seguirá facturando con ese sobrecusto do 25%. Con todo iso, a final de ano o concello gastarase 15.000 euros de máis".