I Forum Transfronterizo

ponteareas

A Asociación de Alfombristas activa un «Protocolo para fotógrafos» de cara ao Corpus

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas vén de dar a coñecer o denominado «Protocolo de fotógrafos» de cara a que, na festividade do Corpus, os profesionais da fotografía "non interfiran na esencia do acto". Segundo sinala a Asociación de Alfombristas, aínda recoñecendo o mérito do seu traballo, "os fotógrafos non son os principais protagonistas e deben pasar desapercibidos". Son en total catro puntos que buscan que "tanto profesionais como afeccionados convivan en armonía, respectando espazos e momentos".

Como primeira medida, oa fotógrafos profesionais deberán estar acreditados na oficina de Prensa do Concello de Ponteareas, acreditación que permitirá aos seus posuidores sacar fotos máis aló do espazo limitado por cordas, espazo vedado para as persoas non acreditadas. Doutra banda, dita acreditación non permite ─da máis pura lóxica─ "ir por medio da alfombra" nin, no caso da procesión "andar ao lado do Santísimo".

Amais de reiterar que "en ningún momento poderán pisar a alfombra" (nunca ata o momento ningún compañeiro gráfico fixo cousa tal), o protocolo lembra aos profesionais gráficos  que "so poderán estar na cabeceira da alfombra ata que chegue a Cruz que abre a procesión".

No que a procesión propiamente dita fai referencia, os fotógrafos ─di o protocolo elaborado pola Asociación de Alfombristas de Ponteareas─ "deberán retirarse sempre aos lados, sen estorbar o paso da procesión e nunca poderán estar a menos de cinco metros de distancia do Santísimo", norma esta de complexo cumprimento sobre todo en rúas, como a de Oriente, en que o espazo lateral é mínimo.