ponteareas

Ponteareas homenaxea ás súas mulleres

O concello de Ponteareas homenaxeou onte, nun acto enmarcado dentro das iniciativas programadas polo Día da Muller, a dez mulleres propostas polos colextivos sociais e veciñais, e que, ao mesmo tempo, representaban ao colectivo de todas as mulleres ponterareás. O Goberno de Ponteareas agradeceu, no Auditorio Municipa,l o traballo e o “exemplo de esforzo destas dez mulleres”.

Por terceiro ano consecutivo a concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe a nacionalista Verónica Carrera, quixo destacar o relevante papel da muller na sociedade. Pluriempregadas e polifactéticas as mulleres supoñen, na maioría dos casos, o eixo central das familias á vez que contribúen á economía familiar con traballos remunerados ou sen remunerar como as tarefas no campo ou no mar.

Onte o goberno de Ponteareas homenaxeou a Cristina Corbacho, ás Mulleres Xitanas da Feira, a Lucía Cantalapiedra, ao Círculo Feminista, Inocencia Lago (Pitucha), a Josefa Estévez, Rosina Carrera, Olga Araujo, ás Mulleres do Estraperlo en Xinzo e a Sara Soto.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera aproveitou a homenaxe para agradecer á veciñanza “o apoio e masiva participación das cidadás non só de Ponteareas, se non tamén da contorna, á concentración do pasado xoves día 8 de marzo na Praza de Bugallal”. Verónica Carrera quixo tamén agradecer a presenza “de todas as veciñas e veciños que se achegaron ata o Auditorio para apoiar ás mulleres homenaxeadas”.