ponteareas

A veciñanza das Cortellas, Ponteareas, organízanse para a recuperación do monte veciñal

Os veciños e veciñas das Cortellas, barrio pertencente á parroquia ponteareá de Padróns veñen de organizarse para dar comezo a recuperación do seu monte veciñal coa construcción de barreiras de protección que permitan a retención da terra, logo de que a zona fora case que arrasada por completo nos incendios acontecidos no pasado outubro de 2017

Organizados por quendas e tarefas, veciños e veciñas das Cortellas traballan para intentar, na medida do posible, restablecer o patrimonio natural e reparar as feridas causadas polo lume. Concienciados coa protección do medio ambiente traballan varios días ao mes, sen que os folgos decaian, porque saben que este ben de todos é indispensable e a maior riqueza que posúen.

Facendo gala dunha coordinación exemplar, a veciñanza apoiada por voluntarios, seguen unha rutina de traballo asesorada por técnicos expertos en paliar as consecuencias do lume. A primeira medida urxente foi espallar palla polo monte chegando a descargar, ata o día de hoxe, dous trailers nas zonas que máis posibilidades tiñan de erosion, facendo fincapé nas pendentes grandes e sen vexetación que quedaron desprotexidas.

O segundo paso foron os traballos de limpeza parar preparar, co que se vai cortando, distintas liñas de nivel de contención buscando o nivel de pendente para impedir que baixe a terra. Nestes momentos os traballos céntranse na plantación de árbores autóctonas como bidueiros, carballos, castiñeiros, loureiro e árbores froiteiras salvaxes que, agora, ocupan algunhas zonas dos montes queimados.

Un domingo ao mes reciben voluntariado de fóra da parroquia pero, o resto dos días, traballan sos organizados por tarefas sumando unhas cincuenta persoas dispostas a colaborar e coidar os bens comúns. O equipo de intendencia sube as ferramentas mentres outros preparan as pistas para poder acceder ao monte. Outro equipo atende aos pequenos e pequenas voluntarias que aprenden desta veciñanza e que contribúen prantando árbores. O equipo de traballo da aldea prepara o xantar e outro equipo máis séntase para os brain storming que lles iluminen con posibles iniciativas que axuden a recadar árbores para prantar, sementes ou fórmulas máis axeitadas para a correctar recuperación dos seus montes.

Os veciños e veciñas das Cortellas tamén agradecen o traballo do voluntariado que se achega dende fóra da parroquia e a axuda ofrecida dende a oficina do voluntariado de Concello de Ponteareas. Mentres, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, quixo felicitar públicamente, aos veciños e veciñas das Cortellas "polo seu compromiso e esforzo exemplo de cooperación e participación".