ponteareas

Luís Valle presenta «Para que eu beba» no ciclo «Venres D_letras» de Ponteareas

O ciclo «Venres D_letras» retoma a súa actividade logo do parón de Nadal, e o fai este venres, 12 de xaneiro, a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos da casa do Concello de Ponteareas, coa presentación do poemario «Para que eu beba» de Luís Valle.

«Para que eu beba» é un libro adicado á memoria do seu pai, falecido recentemente, no que o autor dialoga coa vida e coa morte a través de versos, espindo a súa alma nun berro estarrecedor.

Luís Valle é un poeta e pintor nado na Terra Chá luguesa. Como pintor ten realizado diversas exposicións individuais e a súa obra atópase diseminada por diversos lugares do mundo. Como poeta, malia que os seus tres primeiros traballos foron realizados en castelán, o groso da súa produción foi feita en lingua galega e foi galardoada con premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Lueiro Rey. Amáis, ten participado nunha chea de obras colectivas.

O ciclo «Venres D_letras» foi posto en marcha pola Concellería de Cultura, que xestiona a concelleira Hortensia Bautista, co obxectivo de dar a coñecer algúns dos traballos máis relevantes do panorama literario actual. O vindeiro mes terá continuidade coa presencia de Manrique Fernández, xornalista e escritor, colaborador habitual de Comarcas na Rede, que presentará a obra de teatro infantil «Hermes, aprendiz de mago», da que falabamos co autor, hai uns días, neste xornal.