ponteareas

«A lamprea nas terras do Condado» de Lois Ladra, premio «Fermín Bouza Brey»

Reunión do xurado do «Premio de Investigación Fermín Bouza Brey» Reunión do xurado do «Premio de Investigación Fermín Bouza Brey»

«A lamprea nas terras do Condado: aspectos etnolóxicos da pesca fluvial e artesanal e do patrimonio fluvial do río Tea» de Lois Ladra, vén de acadar premio «Fermín Bouza Brey» na súa sétima edición ao que se presentaban un total de catro traballos de investigación.

O xurado, composto polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista; Alfonso Caride de Losada, como representante da Universidade de Vigo; Pablo Otero Piñeyro Maseda, do Instituto Estudios Galegos Padre Sarmiento; José César Llana Rodríguez, do Consello Galego de Museos; Rebeca Blanco Rotea, representante do Consello da Cultura Galega e Gonzalo Fernández Álvarez como secretario do citado xurado; valorou que se trata dun traballo “abarcable, concreto e transversal”.

Co Premio de Investigación Fermín Bouza Brey o concello ponteareán quere lembrar o nacemento, na vila do Tea, do ilustre polígrafo e poeta. Trátase, segundo a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, de “honrar a súa memoria e sobre todo o seu traballo de investigación sobre a cultura deste país”.

premio bouza brey xurado 02

Paralelamente, matiza a responsable de Cultura do Concello de Ponteareas, “o premio permite promover a investigación científica sobre Ponteareas e a comarca do Condado, co que iso supón de afondamento na nosa identidade cultural”.

O premio está aberto aos proxectos de investigación científica nos eidos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais e que, obrigatoriamente, terán que ter como referente o municipio de Ponteareas e, complementariamente, a comarca do Condado.

Os 3.000 € de premio serán entregados en dúas partes, o 25% entrégase unha vez fallado o premio e o outro 75% restante á entrega do traballo de investigación. Dito proxecto debe presentarse cunha memoria onde figuren os obxectivos, metodoloxía, periodización, recursos a empregar, e temporalización do traballo, entre outros.