ponteareas

A FANPO pecha a V edición das «Xornadas de Teatro»

A Federación de ANPAS de Ponteareas (FANPO) vén de pechar a quinta edición das xornadas de teatro «Achegando o teatro aos nen@s da man das Anpas», unha iniciativa que ofreceu un total de doce funcións agasallando, e nunca mellor dito, pezas teatrais a todos os centros educativos das comarcas de Condado, Louriña e A Paradanta.

En colaboración coa Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, que dirixe Cristina Fernández, os escolares de infantil desfrutaron da obra «Canta Connosco» de Migallas e os de primaria da obra «Un avó especial» mentres que os de secundario achegáronse ao teatro dan man de Thalía Teatro coa obra «Pelos na lingua».

A iniciativa permitiu que alumnos e alumnas de infantil, primaria e secundaria das tres comarcas, puideran coñecer, nalgúns casos por primeira vez, ao mundo do teatro e as representacións teatrais.

O teatro, segundo os expertos, é unha ferramenta de utilidade indubidable para os nenos e nenas xa que reforza, de xeito lúdico, aspectos académicos como a lectura e a literatura, amais de axudar na socialización dos cativos e cativas, principalmente daqueles que teñen dificultades para comunicarse.

Segundo psicólogos e educadores e educadoras, a asistencia dos escolares a representacións teatrais, mellora a súa capacidade de concentración e atención e promove que a rapazada reflexione sobre o que acaban de ver e escoitar. Amais de ser un xeito inmellorable de transmitir valores, sinalan a súa importancia á hora de estimular os sentidos dos rapaces e rapazas e estimular a súa creatividade e imaxinación.

Precisamente por todo iso, a iniciativa da FANPO de achegar o teatro aos escolares de todas as idades, ten unha extraordinaria importancia.