ponteareas

Adenco denuncia unha importante vertedura da depuradora de Ponteareas ao río Tea

O grupo ecoloxista Adenco vén de denunciar o que, ao seu entender, é "outro terrible atentado ambiental contra o río Tea", nesta ocasión a agresión ao espazo protexido vén derivada "dun importante verquido realizado directamente desde a depuradora de Ponteareas, localizada no lugar da Moscadeira", vertedura que, segundo os ecoloxistas, tiña lugar este pasado domingo.

Ao ter coñecemento destes feitos, varios membros de Adenco desprazáronse ao lugar e, vista a situación, decidiron interpor denuncia ante a Garda Civil. Ao lugar asistiron outros medios como a policía autonómica e a policía local de Ponteareas. Neste mesmo senso, o Colectivo ecoloxista enviou denuncia dos feitos a diferentes entidades entre as que se atopan a Consellería de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Concello de Ponteareas.

adenco vertedura depuradora 01

O río Tea, espazo natural de importancia comunitaria e incluído polos seus excepcionais valores dentro da Rede Natura 2000, "sofre desde hai anos continuos ataques, de maior ou menor relevancia", asegura Adenco que descarta que se trate "dunha cuestión puntual". Así, engaden os ecoloxistas do Condado, "os informes da UE sobre a contaminación das praias ou os controis quincenais da Consellaría de Sanidade mostran que o problema é xa crónico. E neste caso, existe unha circunstancia agravante, xa que o verquido xurde directamente desde a propia depuradora do concello de Ponteareas".

adenco vertedura depuradora 03

Adenco leva anos achegando á cidadanía a importancia do río Tea, a todos os niveis e dentro das posibilidades dunha asociación sen ánimo de lucro e con recursos, humanos e económicos, limitados. Así, foron, e tristemente son, constantes as súas denuncias por talas sen control, verquidos industriais ou fecais, construcións agresivas nas beiras, como as sendas fluviais ou a destrución de elementos patrimoniais á beira do Tea. Desde o Grupo Ecoloxista agárdase que non se volte repetir unha circunstancia como a que tivo lugar este pasado domingo.