ponteareas

Escolares e comerciantes dín «Non» ás violencias machistas

De esquerda a dereita, Inés Vidal, concelleira de Comercio;  a responsable da tenda Mariquiña Mimosa e a Concelleira de Igualdade, Verónica Carrera De esquerda a dereita, Inés Vidal, concelleira de Comercio; a responsable da tenda Mariquiña Mimosa e a Concelleira de Igualdade, Verónica Carrera

A Concellería de Igualdade do Concello de Ponteareas, que dirixe Verónica Carrera, desenvolverá durante esta semana actividades con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Dentro desa iniciativa, os escaparates e mostradores do comercio de Ponteareas exhibirán as ilustracións do II Concurso de Debuxo contra a Violencia de Xénero realizados polos escolares ponteareáns o pasado ano.

Nesta edición, arredor de 180 locais comerciais de Banastra quixeron amosar o seu rexeitamento contra a violencia de xénero. O concurso establecía duas categorías, primaria e secundaria e o vindeiro 25 de novembro terá lugar a entrega dos premios aos gañadores da tercera edición no salón de plenos do Concello de Ponteareas consistentes nunha tablet e material escolar. Ademais, ás 11 horas os alumnos do IES Val do Tea, do IES do Barral e do IES Pedra da Auga lerán o manifesto redactado por eles mesmos.

Toda a cidadanía implicada
O Concello de Ponteareas, que ten claro que a loita contra a Violencia Machista precisa da implicación de toda a cidadanía, vén de convocar o venres 17 de novembro a partir das 16:30 horas unha xornada multidisciplinar contra a violencia machista que se desenvolverá no Salón de Plenos. Ao acto asistirán, ademais do alcalde de Ponteareas e da concelleira de Igualdade; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López; a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade Isaura Abelairas.

A Concelleira de Igualdade convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta xornada na que intervirán un representante da Comisión Especial de Violencia de Xénero da Garda Civil, Carlos Tajes; a orientadora laboral, Isabel Ilán, a avogada especialista en violencia de xénero, Isabel Blanco e Alicia Peralejo, Presidenta de CEAVIGAL (Centro de Acción contra a Violencia de Galicia).