ponteareas

Xosé Díaz presenta «As contas que nos contan» dentro do ciclo «Venres D_Letras»

O sindicalista e exdeputado Xosé Díaz será o protagonista do ciclo «Venres D_letras» do mes de outubro, que terá lugar o venres, día 13 no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, a partir das 20.30 horas. Xosé Díaz presentará a súa última publicación, o ensaio «As contas que nos contan», onde analiza o papel ideolóxico das balanzas fiscais e o seu emprego como ferramenta recentralizadora por parte do Estado.

O que fora presidente da Comisión de Economía na V Lexislatura do Parlamento Galego mantén a tese de que a sobrevaloración das balanzas fiscais fronte a outro tipo de datos económicos, ten como finalidade ofrecer unha imaxe subsidiaria do país fronte a un Estado Central que se presenta como fornecedor da economía galega, o que significa unha imaxe distorsionada da nosa realidade económica.

Xosé Díaz estará acompañado nesta presentación por Francisco Floreal, concelleiro de Facenda e Persoal no Concello de Ponteareas.

O ciclo «Venres D_letras», de periodicidade mensual, está organizado pola Concellería de Cultura e pretende darlle visibilidade aos autores galegos contemporáneos. No vindeiro mes o ciclo contará coa presencia de Miguel Alonso, que falará da súa primeira novela «O caso Quintana».