ponteareas

EU Ponteareas reúnese coa Concelleira de Igualdade para facerlle chegar as súas propostas

O pasado martes, EU de Ponteareas reuniuse coa concelleira de Igualdade coa finalidade de achegar e debater propostas sobre proxectos, campañas, formación, etc., que poderíanse incluír no Plan de Igualdade ou levar a cabo xa este ano co orzamento disposto para este fin.

Xa en febreiro de 2016, lembra EU, aprobouse no Pleno Municipal, unha moción de Esquerda Unida solicitando "un reforzo desta concellería e o orzamento necesario para levar a cabo as políticas de igualdade que tanto precisa a vila de Ponteareas".

Deste xeito, EU achegou nesta xuntanza un documento con propostas xenéricas pero tamén outras moi concretas que abranguen todo tipo de ámbitos, como ensino, asociacionismo, emprego, deportes ou os propios departamentos municipais.

Esquerda Unida considera que aínda que o progreso neste eido existe, "o traballo debe ser continuo para que o noso municipio sexa un espazo exento de discriminación e desigualdades". De todos os xeitos, EU celebra que a Concelleira de Igualdade "aposte pola pluralidade nestas cuestións" e agarda que esta xuntanza sexa a primeira de moitas e que isto se traduza en avances reais.