ponteareas

Malestar entre os traballadores do Concello ao enterarse da convocatoria dunha reunión “pola prensa”

Os traballadores e traballadoras do Concello de Ponteareas, que hoxe celebraron unha reunión no Salón de Plenos convocados polos sindicatos CCOO, AFIP e SPPME, amosaron o seu “fondo malestar” polo feito de enterarse “pola prensa escrita” da notificación para a reunión da Mesa Xeral de Negociación, que terá lugar o vindeiro luns, día 16 de outubro mentres que aos grupos sindicais, a estas horas, “aínda non se lles convocara”.

O persoal municipal amosou tamén a súa preocupación polo que cualifican de “falta de vontade por parte do Goberno” de levar a cabo a negociación. Ante esta situación, e como primeira medida, traballadoras e traballadores concentraránse todos os luns, ás 14:30 horas, diante do Concello para facer visible o malestar existente.

Doutra banda, os sindicatos reclaman “unha vez máis” ao Goberno local que se lles faga entrega da copia da RPT (Relación de Postos de Traballo), que lle foi solicitada “de xeito reiterado” tanto por escrito coma nas mesas de negociación en numerosas ocasións.