ponteareas

Ponteareas contará con mesas informativas sobre saúde mental

A Asociación «Avelaíña» creada hai 20 anos coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social e a mellora da súa calidade de vida, ten instaladas en Ponteareas mesas informativas de cara a informar sobre este problema tanto aos axentes sociais, coma as institucións e a sociedade en xeral.

As mesas informativas de «Avelaíña» funcionarán de 9:00 horas a 14:00 h na porta do Auditorio Reveriano Soutullo, fronte ao mercado de abastos e pola tarde na Praza Maior, entre as 16 h a 19 horas. En ditos puntos de información, veciños e veciñas poderán coñecer máis de preto todo o relacionado coa saúde mental e o traballo que realiza a asociación nas comarcas de Condado e Paradanta.

No posto de Avelaíña tódolos veciños e veciñas poderán aportar o seu gran de area solidario mercando unha avelaíña artesá feita polo grupo de Avelaíña da Guarda. Simplemente aportando a vontade e lucindo unha fermosa volvoreta estaremos contribuíndo a que esta asociación siga ofrecendo os seus servizos.

No centro social de Ponteareas, Avelaíña atende ás persoas que precisen os seus servizos ─con cita previa─ en horario de 09:00 horas a 14:00 horas os luns, mércores e venres. Tódolos interesados en pedir cita poden contactar coa psicóloga Clara Suárez no teléfono 602 21 47 27.

O Concello de Ponteareas cede a «Avelaíña» un local municipal donde desenvolver os servizos que ofrece aos veciños e veciñas de toda a comarca dada a alta demanda e persoas afectadas de problemas mentais. Ponteareas lidera as reclamación realizadas á Xunta de Galicia para que asuma as súas competencias en materia de saúde mental para que a comarca conte cun centro de referencia destinado ao tratamento destas enfermidades. Os vindeiros días 19 e 20 de outubro a mesa informativa de «Avelaíña» estará fronte á Casa do Concello de 10 h a 14:00 horas.

Avelaíña foi creada fai 20 anos coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. Conta con dous centros de rehabilitación e un piso protexido e presta servizos no Baixo Miño, Val Miñor e dende o ano pasado, tamén prestran servizo nas comarcas de Condado e Paradanta. No Concello de Ponteareas, os luns, mércores e venres, no Centro Social e no Concello de Cañiza os martes e xoves en horario de 9:00 a 14:00 horas.