ponteareas

Aberta a inscripción para participar na andaina turistica do Sobroso

A Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro sábado, 7 de outubro, unha ruta turística  no Castelo de Sobroso. Esta andaina encádrase dentro do plan de posta en valor deste espazo fortificado de importante interese histórico e turístico. Dito plan comprende as obras de mellora previstas no convenio co concello de Ponteareas, titular do Castelo, a pasada primavera para a creación dunha senda con paneis de información con códigos QR e audioguías que divulgan a riqueza botánica dos xardíns de Sobroso e agora a posta en valor e dinamización turística do recinto con esta ruta.

Os intersados en participar nesta andaina turística, que ten prazas limitadas,  deben inscribirse antes do 5 de outubro no email Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A ruta, que se realizará coa colaboración do concello de Ponteareas, comezará ás 11.00h no acceso aos xardíns e está orientada ao público familiar co obxectivo de divulgar este espazo cultural e natural para que toda as persoas poidan coñecer e gozar da súa beleza. Por iso, durante a mesma, combinarase o recorrido guiado pola senda botánica (con variedade de especies autóctonas) con intervencións teatrais que dan conta da presenza de Dona Urraca no Castelo de Sobroso, onde foi encerrada e logrou fuxir a Compostela.

A senda botánica do Castelo de Sobroso inclúe sete paneis tecnolóxicos con códigos QR e oferta contidos en inglés, castelán e galego que permiten facer o percorrido dunha forma máis amena e descubrir o valor natural e paisaxístico deste novo espazo. Máis polo miúdo, os sete paneis proporcionan información relativa ao mundo baixo os nosos pés, os liques, o carballo, o alcanfor, as froiteiras, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.

Amais da posta en marcha desta nova senda botánica arredor do castelo, a Deputación de Pontevedra está a traballar na naturalización do entorno forestal dos xardíns do recinto. Para elo, estanse a retirar especies invasoras como as acacias e, nuns meses, eucaliptos co obxectivo de acadar unha importante mellora ambiental e paisaxística e deixar accesibles os restos históricos que se atopan nas inmediacións deste espazo.

Xunto ao exterior do Castelo de Sobroso, a institución provincial tamén vai levar a cabo unha serie de obras para conservar e manter o recinto histórico. Estas obras son o paso previo ao plan de musealización que está previsto para o castelo e que impulsarán a definitiva posta en valor do recinto como espazo cultural e natural.

O obxectivo principal dos proxectos que se están a desenvolver en Sobroso é que no 2018, Ano Internacional do Patrimonio, tanto o recinto histórico como o Bosque Atlántico sexan focos de atracción turística e que as persoas visitantes poidan gozar do alto valor histórico e natural do castelo.