ponteareas

Ponteareas presenta o proxecto 'Entre Nós' para alumnado de secundaria

Reunión coas directivas e departamentos de orientación dos centros escolares de secundaria Reunión coas directivas e departamentos de orientación dos centros escolares de secundaria

A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas reuníuse coas directivas e departamentos de orientación dos centros escolares de secundaria locais para presentarlles o Proxecto “Entre Nós”, un programa de mediación para o alumnado con condutas desaxustadas ou disruptivas que se porá a disposición das familias e centros a partir do 1 de outubro e que tivo moi boa acollida por parte dos representantes dos centros escolares.

Este programa foi redactado por unha becaria do Concello, Lorena Bernárdez, graduada en psicopedagoxía e supervisado polo departamento de Educación Familiar que está ao servizo da veciñanza no Centro Social. Por primeira vez, grazas a este programa ofrecerase terapia psicolóxica ao alumnado de secundaria que, ao xuízo do equipo educativo e departamento de orientación, teñan dificultades de adaptación no grupo ou alumnado en situación de non acadar as capacidades establecidas nos obxectivos xerais do currículo ordinario debido a súa baixa autoestima, expectativas de logro e motivación cara as actividades escolares e amosen condutas desafiantes constantes no entorno educativo.

Ao remate desta reunión, a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, mantivo un encontro co profesorado dos centros para presentar as actividades educativas que ofrece o Concello para o alumnado dos centros durante todo o curso: Semana das Ciencias, charlas educativas e teatro entre outras actividades dentro das que se presenta como novidade o obradoiro de educación asistida con cans adestrados para alumnado con necesidades específicas.