ponteareas

Daniel Asorey presenta «Nordeste» no ciclo «Venres D_letras» de Ponteareas

O ciclo «Venres D_letras», organizado pola Concellería de Cultura retoma a súa actividade logo do parón do mes de agosto, e o fai coa presencia do escritor compostelán, Daniel Asorey, que presentará a súa novela «Nordeste», gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve do ano pasado. «Venres D_letras» é unha inciativa que busca visibilizar aos autores galegos contemporáneos.

«Nordeste» está ambientada no mundo dos «cangaçeiros», un grupo a medio camiño entre o bandoleirismo e a resistencia social, que desenvolveu a súa actividade dende mediados do século XIX ata ben entrado o XX, no «sertão», ao nordeste do Brasil. A pesar de ser un traballo ben documentado no que mistura a realidade coa pura fantasía, o fondo da historia parte dunha ucronía na que Galicia chega á actualidade mantendo un estatus político independente logo de que os Irmandiños vencesen na súa loita contra os nobles galegos, e extendendo o seu poder cara á zona referida do Brasil.

A historia está protagonizada por tres mulleres que representan distintas maneiras de pensar e de enfrontarse a un mundo dominado por homes, pero como telón de fondo da historia atopamos os conceptos de liberdade e de sumisión, así como a maneira na que unha sociedade oprimida que consegue liberarse das súas ataduras, remata por cometer os mesmos erros contra os que loitaron.

«Nordeste» é a primeira novela de Daniel Asorey, que xa se dera a coñecer en algunhas publicacións colectivas. Sobre esta obra, o noso colaborador, o escritor e xornalista Manrique Fernández, falaba na súa sección quincenal «O meu andel».

O ciclo «Venres D_letras» terá continuidade o vindeiro mes coa presentación de «As contas que nos contan», de Xosé Díaz.