ponteareas

Ponteareas e Federación presentan o Curso de Adestrador Básico de Fútbol-UEFA B

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; o concelleiro de Deportes, Benito Márquez; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falqué; o director da Escola de Adestradores, Manuel Mosquera, e o delegado da Escola en Ponteareas, Luis Mosquera, presentaron o Curso de Adestrador Básico de Fútbol-UEFA B (anteriormente Nivel 1) que se vai impartir na localidade do Condado a partir do vindeiro mes de outubro.

Ponteareas é unha das poucas localidades que acollerán nesta tempada 2017-2018 estes cursos de Adestrador Básico, feito polo que o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, agradecía á FGF "a impartición deste curso na nosa vila, tal e como lle solicitaramos anteriormente na clausura do curso de monitor de fútbol base que tivo lugar no verán pasado, e alegrámonos enormemente do éxito que está a ter en número de inscritos". O edil de deportes salientaba que a veciñanza de Ponteareas "reclama formación en tódolos eidos, tamén en fútbol, e dende as administracións temos cando menos que facilitar na medida do posible que poidan acceder a ela”.

En Ponteareas son xa 20 os alumnos inscritos, á espera da finalización do prazo para anotarse, que remata o próximo venres 15 de setembro.

Os interesados poden acceder a toda a información sobre o curso de Adestrador Básico descargando a convocatoria, podendo matricularse de xeito online a través do Formulario de Inscrición Online que poden atopar nesta ligazón.