ponteareas

O Concello de Ponteareas invertirá 76.630 € na mellora da escola infantil

O alcalde de Ponteareas e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, acudiron á Escola Municipal Infantil para darlle a benvida ás nais e pais do alumnado ao novo curso escolar 2017/2018 acompañando ao equipo de profesionais da escola na reunión de introducción ás normas e funcionamento do centro.

A Escola Infantil de Ponteareas comeza este novo curso con melloras que acadaron os 30.000€ de inversión grazas aos que se cambiaron parte das ventanas, a porta de entrada que se adaptou á normativa vixente, mudouse a caldeira e a cheminea da calefación e colocáronse novos protectores de radiadores.

O grupo de Goberno asegurou que seguirá a traballar neste curso 2017/2018 en novas melloras que se realizarán con fondos da Deputación e que suman a importante cuantía de 76.630 €, "conscientes da importancia dun ensino de calidade". Ao longo do curso, tentando aproveitar os meses de menos afluencia de alumnado e períodos vacacionais, "adaptarase o parque infantil e os vestiarios e baños do persoal, colocaranse as ventanas que quedaron pendentes da obra anterior e renovaranse as instalacións eléctricas e de fontanería", asegura o Executivo ponteareán.

escola infantil reunion01

Estas obras fanse dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e son obras prioritarias, “é primordial adaptar a escola infantil á normativa vixente xa que é un edificio moi antigo e para este goberno a infancia e o ensino son de vital importancia”, explica a concelleira Verónica Carrera.

A Escola Infantil de Ponteareas abre o curso con 115 alumnos matriculados e unha lista de espera de 54 menores de tres anos. A intención do grupo de goberno "é seguir traballando para sacar adiante o PXOM, no que se recogerán os terreos axeitados para unha nova escola infantil con maior capacidade e novas instalacións", conclúe o Goberno local.