ponteareas

Os alfombristas ponteareáns dan un paso adiante na protección da Festa do Corpus Christi

O Centro Artístico Sportivo de Ponteareas acolleu, o pasado 3 de agosto, unha reunión na que os representantes da case totalidade dos tramos que confeccionan alfombras no Corpus Christi de Ponteareas, acordaron dar un paso adiante na protección “do legado Cultural e Tradicional que supón a Festa do Corpus Christi” e crear a «Asociación de Alfombristas do Corpus Christi» como órgano que representativo deste colectivo.

Na reunión do Sportivo, que marcará un antes e un despois para o desenvolvemento da Festa máis tradicional de Ponteareas, estaban representados os treitos alfombrados da rúa de Oriente; Praza Maior, segundo tramo; Escola de Arte; rúa Ferreiros, segundo tramo; rúa Doutor Fernández Vega 1º tramo; rúa Doutor Fernández Vega-‘Arco da Vella’; rúa Doutor Fernández Vega-Canton de Boavista; rúa Reveriano Soutullo-Arcos; rúa Reveriano Soutullo-’Corpus As Monxas’ e rúa Constitución-‘Elduayen-La Giralda’.

Como primeiro paso, acordouse a creación dunha Xunta Xestora que será a encargada de elaborar o borrador dos Estatutos polos que se rexerá a Asociación e que estará formada por Andrés Sampedro Fernández, Miguel Mera Cuevas, María Jesús Alonso Carrerra, María Dolores González Carrera, Alejandro Estévez Porto, Miguel Ángel García Correa.

Unha vez elaborados os Estaturos, estes serán enviados “á totalidade de rúas que confeccionan alfombras na Festa do Corpus Christi que terán a oportunidade entrar na Asociación e que serán case que a totalidade delas”, sinalan dende a Xestora. Dita xestora terá, posteriormente, o cometido de convocar a Acta da Fundacional da que xa será a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas.

A necesidade de contar cunha Asociación é evidente, xa que contaráse cun órgano oficial que represente á totalidade dos alfombristas de Ponteareas ante todas as institucións, tanto públicas como privadas xa que, sinalan “os alfombristas son los depositarios do Legado Cultural e Tradicional da Festa do Corpus Christi”. Nese mesmo contexto entre as súas labores estará, polo tanto, a de difundir e transmitir o sentido tradicional da arte popular de facer alfombras ás novas xeracións.

Non menos importante é a labor de favorecer as relacións entre alfombristas “para que se manteñan os valores que caracterizan ao colectivo: a xenerosidade, o voluntariado, o respecto á diversidade de habilidades, a amizade e a creatividade”.

É evidente que, incluso nunha labor tradicional tan arraigada no tempo, a innovación ten importancia, polo que a Asociación fomentará e promoverá reunións periódicas de todos os alfombristas de cara ao intercambio “de coñecementos, de experiencias e técnicas que permitan avanzar na innovación das alfombras”.

Dado que a protección, conservación e divulgación do legado cultural e tradicional que supoñen as alfombras do Corpus Ponteareán é un dos principais obxectivos da Asociación de Alfombrista, cuidarase especialmente “a realización de obradoiros para fomentar a participación, principalmente entre as novas xeracións”.

E dicir, a Asociación de Alfombristas será un órgano que, sobre o papel, encargarase de representar a todos os alfombristas e limar, entre outras cousas ‘certas asperezas’ que se deron noutros tempos á hora de representar ás alfombras do Corpus en eventos nacionais e internacionais, xa que unha vez creada recaerá nesa Asociación, na que están representados todos e todas, a xestión de dita representación.
Por último, a Asociación xestionará “os dereitos de autor e defensa da propiedade cultural da Alfombras do Corpus Christi”.

Unha Asociación de Alfombristas era o que, certamente, precisaba o Corpus Christi de Ponteareas dende hai anos. O feito de ‘loitar por separado’ permitiu que outras localidades alfombristas, nun principio situadas «a anos luz» do Corpus ponteareán, puideran acadar un máis que notable nivel seguindo a premisa de traballar xuntos a prol dun obxectivo común. Como di o refraneiro, que sempre acerta aínda que so sexa por ter ditos de dobre dirección, “nunca é tarde”.