ponteareas

ACiP denuncia perante a Xunta de Galicia a situación da Residencia de Maiores

A concelleira de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, ACiP, Raquel Bautista Alfaya presentou no portelo único do Concello de Ponteareas un escrito no que denuncia, perante a Xunta de Galicia, a situación na que ao entender do grupo independente atópase a residencia de Maiores «Santa Ana». En pasadas semanas, ACiP logo de dar a coñecer as carencias que, ao seu entender, ten este servizo municipal, adiantara xa a súa intención de que, en caso de non ser resoltas tales deficiencias, poñería a situación en coñecemento da Xunta de Galicia para que tomase as medidas oportunas.

No seu escrito, ACiP, denuncia que nunha infraestrutura pensada para albergar a 32 residentes nestes momentos, tan só hai 26 existindo polo tanto “seis vacantes que non se cobren a pesar de que hai unha grande demanda do servizo”.

Raquel Bautista sinala na denuncia presentada ante a Xunta de Galicia que “non nos vale” o argumento que esgrimen dende o Goberno local referente a que “o sistema de baremo que se utilizaba ata o pasado ano xa non vale” xa que, explica Bautista, dito baremo é o que utiliza a Xunta de Galicia para os seus centros.

Doutra banda, explica a concelleira de ACiP, segundo a liquidación do orzamento municipal do pasado ano “a residencia tivo un custe económico de máis de 700.000 euros achegados, principalmente pola Xunta de Galicia”, con estes datos e segundo os independentes, “estanse a malgastar máis de 131.000 euros anuais por non ter cubertas a totalidade das prazas”. Finalmente, Raquel Bautista fai incidencia na “falta de obras de mellora e adaptación urxentes” que precisa o centro e, sendo competencia municipal, o Concello non as realiza.

Por todo iso, ACiP pídelle á Xunta de Galicia que “tome as medidas necesarias” para que o Concello cumpra o convenio de transferencia da Residencia de Maiores Santa Ana, tanto no que fai referencia ás vacantes existentes coma no que atinxe “á falta de mantemento e adaptación das mesmas”.