ponteareas

Expertos en patrimonio de España e Portugal no I coloquio internacional 'O patrimonio etnográfico'

O concello de Ponteareas acollerá mañá venres día 15 o I coloquio internacional 'O patrimonio etnográfico' que congregará na vila do Tea a expertos en patrimonio e investigadores chegados de diferentes universidades do estado español e de Portugal. Nesta xornada que se desenvolverá ata as 20 horas, intervirán expertos das universidades de Vigo, Santiago, Miguel Hernández, Alicante, Autónoma de Barcelona e tamén do veciño país de Portugal, universidade de Tràs-os-Montes e University of Algarve.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o catedrático de análise xeográfica rexional e coordinador do grupo ANTE da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acompañados de Miguel Pazos Otón, director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) serán os encargados de dar a benvida aos congresistas e participantes a partir das dez da mañá.

Ao longo de todo o día na sala de conferencias do auditorio municipal estudaranse aspectos relativos ao turismo como dinamizador do patrimonio etnográfico; os museos e centros de interpretación como ferramentas de conservación e desenvolvemento turístico; a relación entre a paisaxe cultural, o territorio e o hábitat ou a arte efémera das alfombras de flores do Corpus como patrimonio etnográfico intanxible e como potencial elemento do turismo espiritual.

Na xornada tamén estarán presentes conferenciantes do Museo do Pobo Galego, da escola de arquitectura Cesuga-USJ, do museo etnolóxico de Ribadavia, do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas e das nosas alfombras florais.

“Este primeiro coloquio internacional supón un reforzo á promoción das nosas alfombras florais que son a máxima expresión dunha arte efémera de recoñecemento mundial pero tamén supón un afondamento nas súas raíces e na importancia que teñen para o noso concello e para a área metropolitana en xeral”, explica Xosé Represas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participará no acto de clausura arredor.

A xestión do patrimonio cultural, o turismo e o lecer cultural están a converterse nunha das principais e máis sólidas estratexias territorias de desenvolvemento local. Neste primeiro coloquio internacional debaterase sobre o patrimonio etnográfico desde o punto de vista da conservación, xestión e posta en valor como recurso turístico. Ámbito onde se prestará especial interese á arte efémera das alfombras de flores de Corpus e o seu potencial como produto turístico.