ponteareas

A Escola de Cantería, na II Feira das ensinanzas profesionais e artísticas de Ponteareas

O stand da Escola de Cantería da Deputación, espertou o interese do estudantado que visitou a Feira O stand da Escola de Cantería da Deputación, espertou o interese do estudantado que visitou a Feira

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está a ser unha das protagonistas da segunda edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas, que remata hoxe na vila do Condado. Ao longo destes dous días, no complexo deportivo Álvaro Pino, a veciñanza e mocidade de Ponteareas e da comarca vén de coñecer a oferta formativa deste centro da institución provincial.

Máis polo miúdo, representantes da Escola de Cantería presentaron ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato as ensinanzas que o centro oferta, é dicir, os títulos de Canteiro e Canteira e de Mestre Canteiro e Mestra Canteira. Para acadar estes títulos, amais de recibir formación para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática.

A formación que recibe o alumnado é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de España ademais de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar en obras emblemáticas como o Capitolio de Washington, a restauración do Chiado de Lisboa, na Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou na Catedral de Westminster, en Londres.

Xunta á Escola de Cantería, participan tamén na segunda edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas vinte expositores de centros de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas especiais para coñecer as diferentes alternativas profesionais que dispón o alumnado.