ponteareas

O PP denuncia verteduras de fecais en lugares "próximos" á obra do Paseo Matutino

O PP de Ponteareas vén de denunciar vertidos de augas fecais en lugares "próximos" ao recentemente reformado paseo matutino, unha obra financiada pola Deputación de Pontevedra, que xa en 2015 e antes do cambio de Goberno deixou consignada unha partida de preto de 200.000 euros. Preocúpalle ao PP que as verteduras sexan ocasionadas "por algunha tubaxe que quedou mal colocada" xa que nese caso, "habería que reabrir a rúa co prexuízo que ocasionaría a comerciantes e hostaleiros".

Os populares adiantan que pedirán explicacións "aos reponsables locais sobre a execución da obra" e critican a decisión de "abrila sen sinalización" e preguntan o motivo polo que "despois dunhas pequenas choivas encharcouse todo con augas fecais".

"Problema alleo ás obras realizadas recentemente"
Pola súa banda, o Concello de Ponteareas aclaraba, hoxe mesmo, que o rebosamento de fecais na Avenida de Galicia, no treito correspondente á delegación da AEAT e Xulgados "é alleo ás obras realizadas recentemente.

A incidencia, sinala o executivo local, provocou un vertido de augas fecais "e foi resolto por operarios da concesionaria FCC en menos de 90 minutos". Segundo o técnico municipal redactor do proxecto este problema "non ten nada que ver coas obras executadas na Avenida de Galicia, no tramo situado detrás do Concello, nas que se renovaron hai un mes os colectores de saneamento". Para solucionar o atascamento accedeuse ao colector desde unha arqueta situada no entronque do Paseo Matutino, o que provocou que algúns veciños e comerciantes equivocadamente atribuisen o problema ás obras de mellora executadas hai un mes.

O Concello explica que a vindeira semana, aproveitando o remate das obras de entronque do Paseo Matutino coa Avenida de Galicia, "accederase de novo aos colectores onde se realizará unha obra que evitará no futuro ese problema". “Deste xeito, ademais do arranxo que xa fixemos no tramo situado detrás do Concello, quedará tamén solucionado o problema do tramo dos Xulgados que sofremos esta semana”, sinalan fontes municipais que atribúen os problemas “a antigüedade e o mal estado da rede xeral de saneamento da vila”.