ponteareas

O PSOE de Ponteareas detecta "graves erros" nas obras da Xunta na Avenida Castelao

O Partido Socialista de Ponteareas vén de denunciar o que cualifica de "erros de execución" nas obras que realizou a Xunta de Galicia en materia de seguridade na Avenida de Castelao (PO-403), estrada que é competencia da comunidade autónoma. Estes erros, explican os socialistas ponteareáns, "teñen que ver coa falta de evacuación de augas pluviais no novo paso de peóns elevado, a cal acumúlase na súa contorna ao non terse contemplado un sistema para evacuala ata o sumidoiro máis próximo".

Para o PSdeG-PSOE estes erros responden a unha "nova improvisación" da Xunta de Galicia en Ponteareas. Recordan desde as filas socialistas que a Xunta xa suspendeu ata o mes de xaneiro estas obras por falta de proxecto.

Neste senso, Chus Garrote explica que "é a segunda vez en dúas semanas que a Xunta de Galicia comete erros de execución de obra en Ponteareas". A semana pasada, lembra a concelleira e candidata socialista,"foron as obras na estrada Ponteareas-Mondariz (PO-254) ao non prever unha ampliación de arcéns para a creación de novos viais, esta semana trátase da Avenida de Castelao e dun paso de peóns elevado”.

Por outro lado, os socialistas denuncian que ACIP un falso “bulo” na redes sociais sinalando que as obras son responsabilidade do Concello, cando en realidade son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. “Non sabemos se é que o candidato de ACIP descoñece que a titularidade da estrada que atravesa a Avenida de Castelao é da Xunta ou se ben trata de gañar puntos ante o Partido Popular” sentencia Chus Garrote.