ponteareas

Xosé Represas presenta este sábado a súa candidatura á reelección como alcalde de Ponteareas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentarase este sábado ante a veciñanza como candidato á reelección a alcaldía ponteareá. No acto público, que terá lugar ás 20 horas no Auditorio Municipal, Represas estará arroupado pola Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, así como polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Represas, que anunciou nas pasadas semanas a súa intención de revalidar o cargo nas vindeiras eleccións municipais, asegura que “malia atoparmos en 2015 un concello arruinado, co noso esforzo e o noso traballo fomos capaces de poñer orde no desastre que atopamos e resolver os graves problemas que asfixiaban e paralizaban o concello”.

O candidato do Bloque pide a confianza das veciñas e veciños durante outros catro anos, lembrando que “contamos cun proxecto de futuro, cunha estratexia para a que logramos financiamento e coa que levaremos a cabo novos avances para Ponteareas”. “Temos por diante uns anos cheos de esperanza e ilusión, xa que nunca antes estivemos en tan boas condicións para facer realidade as nosas aspiracións como ponteareáns. É hora de apuntalar o cambio que iniciamos hai catro anos”, concluíu Represas.