ponteareas

A baixada demográfica de Ponteareas pon en dúbida, segundo Adenco, as previsións do PXOM

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) o Concello de Ponteareas volveu perder poboación no pasado ano, concretamente 39 persoas menos no ano 2018 (no 2017 foron 70), o que supón o oitavo ano consecutivo de pérdida de poboación. Dende o ano 2011, o municipio do Tea perdeu 707 habitantes, unha circunstancia que, segundo o grupo ecoloxista Adenco, pon en perigo as previsións do Plan Xeral de Ordenación Urbana. 

Esta circunstancia xa fora denunciada no seu momento polo Grupo Ecoloxista ADENCO nas alegacións que os ecoloxistas presentaroun ao documento de aprobación inicial do PXOM de Ponteareas. Naquel momento, lembra Adenco, facíase alusión ás previsións do INE e do Instituto Galego de Estatística. Os dous centros de estudo prevían unha pérdida de poboación para a comarca do Condado en xeral e para o Concello de Ponteareas en particular, "o que debería facer reconsiderar as previsións do equipo redactor do PXOM e dos políticos que as deron por boas aprobando o documento", afirma Adenco.

A previsión de crecemento ata os 35.000 habitantes, "como defendía o equipo redactor e apoiraon os sucesivos gobernos municipais, pois o PXOM aprobado é do PP e foi aprobado polo PSOE e o BNG, co apoio dos restantes partidos, agás EU, os datos falan por si mesmos polo que "obxectivamente non hai nin un só dato que se poida extraer do Instituto Galego de Estatística que sustente a teoría de que Ponteareas acadará no ano 2025 os 35.000 habitantes".

Segundo sinala Adenco, dos datos “oficiais” que están a disposición de calquera veciño ou veciña, de calquera Goberno e incluso de calquera equipa redactora de calquera PXOM "non se pode afirmar de ningunha maneira científica que Ponteareas incrementará a súa poboación tal e como G.O.C. anuncia no documento que está en exposición ao público. Deste xeito, é difícilmente sostible defender que Ponteareas precisa un incremento das edificacións tal e como se sinala no documento".

Tal como denunciou ADENCO no seu momento, a previsión dun crecemento poboacional, ou non, na redacción do documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal dun Concello "é determinante de cara ás previsións de núcleos de crecemento, espazos reservados para novas infraestruturas e para a creación de novos viais. Se partimos de previsións erradas e inxustificadas, como ocorreu no caso de Ponteareas, todo o demais debería caer polo seu peso. Para que queremos novas estradas se non é preciso crear un novo núcleo poboacional pois xa non hai xente?".

Adenco adiantou xa que "continuará defendendo que outro urbanismo é posible, sostible e lóxico, denunciando a existencia de vivendas baleiras e espazos sen empregar próximos ao núcleo urbano de Ponteareas, para onde debería medrar a poboación, sen necesidade de seguir ocupando espazos, cos lóxicos custos implícitos de cara á urbanización, saneamento, limpeza, etc.".