ponteareas

O Goberno ponteareán á Xunta que explique a suspensión das obras da Avenida Castelao

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras e Urbanismo, Chus Garrote, veñen de esixir á Xunta de Galicia e a concelleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, "unha explicación ante a orde de paralizar as obras menores de mellora da seguridade viaria na Avda Castelao previstas para realizar esta mesma semana". O vindeiro luns deberían comezar os traballos para cambiar o paso elevado desta rúa, á altura do edificio 15 de maio, para reubicalo e ademais facelo elevado.

Entre as obras solicitadas polo Goberno de Ponteareas, e comprometidas pola Xunta de Galicia, atopábase tamén a realización de beirarrúas no comezo desta avenida, preto do entronque coa N-120, donde non existen e o pintado de todos os pasos de peóns para facelos máis visibles.

Ante esta decisión da Xunta de Galicia "sen explicación e sen xustifiación", afirman dende o Concello, de non dar prioridade "a unhas obras tan demandadas e tan necesarias para garantir o mínimo da seguridade para os peóns", o Goberno local adoptou a determinación de marcar, de xeito provisional sobre a calzada, un espazo para o tránsito de peóns no tramo da Avda. Castelao e a rotonda de Mondariz na zona destinada a aparcamentos en liña.

“Nin o goberno de Ponteareas nin a veciñanza van tolerar este tipo de decisións irresponsables da Xunta de Galicia que xogan coa seguridade da cidadanía e gardan no caixón obras tan importantes que son moi asumibles a nivel económico”, aseguraron o alcalde e a tenente de alcalde.

Represas e Garrote consideran "urxente" garantir o tránsito seguro dos peóns, sobre todo daqueles con mobilidade reducida, xa que dende hai anos agardan unha resposta e actuación da Consellería de Infraestruturas ao ser unha estrada de competencia da Xunta.

O Goberno de Ponteareas insta á Consellería de Infraestruturas "a traballar en beneficio da cidadanía" que non debe verse afectada "por decisións de carácter político". Xosé Represas e Chus Garrote agardan que Ethel Vázquez entenda a urxencia destas obras e ofrecen, unha vez máis, a súa colaboración "como concello para que se dea solución ás necesidades máis indispensables da veciñanza".