ponteareas

Chus Garrote anuncia o compromiso de Fomento coa circunvalación de Ponteareas

Este domingo Ponteareas o PSdeG-PSOE de Ponteareas celebrou o acto de presentación da candidatura da actual tenente de alcaldesa, Chus Garrote, que en maio “será a alcaldesa desta localidade”. Así o asegurou o secretario xeral provincial, David Regades, un dos dirixentes do partido que arroupou á candidata na súa presentación. Nun acto celebrado na Praza Maior ponteareán Chus Garrote asegurou que era “un día importante para min, pero tamén para Ponteareas”.

A Garrote remarcou, ante máis de 200 persoas que quixeron acompañar á candidata, que “o futuro desta vila está nas nosas mans”. Aproveitou a ocasión para facer un anuncio de calado, “hoxe quero comunicar aquí unha noticia que sei que están esperando moitas veciñas e veciños —asegurou a candidata socialista— nesta semana que entra o Ministerio de Fomento enviará un convenio para a construción da nova circunvalación de Ponteareas”. A esa medida hai que engadir que o mes próximo empezará a redacción do proxecto de seguridade viaria da N-120 ao seu paso pola localidade.

A actual tenente de alcaldesa denunciou “o legado da dereita” que se atoparon as e os socialistas cando chegaron ao goberno vai facer agora catro anos. “O Concello era un caos”, asegurou Garrote, “pero nestes catro anos conseguimos reverter a situación” poñendo no centro da acción “as políticas sociais: comedores escolares, campamentos de verán, multiplicamos por catro a inversión en igualdade”.

chus garrote presentacion 2018 03

David Regades, pola súa parte, quixo mostrar o apoio “de todo o partido da provincia de Pontevedra” a Garrote. “Podes contar con nós para o que precises, só tes que chamarnos”, asegurou o secretario xeral provincial. “Nós non gobernamos igual que o Partido Popular, que a dereita”, defendeu Regades, que recordou que na Deputación de Pontevedra cando gobernaba o PP “nin había un servizo de Igualdade nin había presuposto para esa área; con Carmela Silva iso xa non é así”.

Precisamente ao redor da igualdade fixo xirar o seu discurso Carmela Silva, presidenta da Deputación. “É o eixo principal que atravesa todas as políticas que aplicamos desde a institución que presido”, defendeu a socialista, “e sei que Chus Garrote tamén o fai desde o concello”. “Hai que apostar pola xente que fai máis grande a Ponteareas. Chus leva loitado moito para que haxa un plan que apoie ao pequeno e mediano comercio desta vila”, continuou Silva. “As que estamos nas administracións locais somos conscientes do enorme poder que ostentamos para cambiar e mellorar a vida da xente, e ese o principal obxectivo das e dos socialistas”.

Pola súa parte, Gonzalo Caballero quixo mostrar o seu apoio ao “próximo alcaldesa de Ponteareas”. “Tes feito unha labor encomiable desde a tenencia de alcaldía, e seguirás a facelo cando ostentes o bastón de mando”, afirmou sen deixar lugar a dúbidas o secretario xeral galego. Caballero mostrouse seguro de que as próximas eleccións municipais “serán o principio do fin de Feijóo como presidente da Xunta de Galicia”. “Hai unha vaga progresista que percorre España e Galicia, e que lidera Pedro Sánchez” como presidente do Goberno.