ponteareas

A FANPO achega o teatro ao alumnado de Ponteareas

A Federación de Anpas de Centros de Ensino Públicos Condado-Paradanta e Louriña (FANPO) ven de anunciar a posta en marcha da «VI Xornada de Teatro», unha iniciativa que vai dirixida ao alumnado de todos os centros educativos do municipio. Esta actividade permitirá que máis de 4.000 alumnos e alumnas pasen polo auditorio Municipal para gozar das artes escénicas.

O alumnado de infantil achegarase ao mundo do teatro da man da compañía Migallas Teatro que interpretará a obra «Pan de Millo» os días 14, 15 e 16 de novembro.

Os e as alumnas de primaria serán o público da obra «A nena que quería navegar» posta en escea por Redrúm Teatro os días 21 e 22 de novembro.

Finalmente, a quenda do alumnado de secundaria será o día 20 coa obra «Go on!» de Malasombra Producións.

A FANPO agasalla, deste xeito, unhas xornadas de lecer nas que se poña en valor esta arte escénica tan antiga e que, ao mesmo tempo, da a opotunidade ao alumnado de gozar dunha saída didáctica na que compartir cos compañeiras e compañeiros o seu tempo de lecer.

A concelleira de Ensino, Cristina Fernández, felicita á FANPO por ofrecer un ano máis esta educativa e interesante actividade e asistirá a algunhas das representacións desta programación de calidade.