ponteareas

Tribunal de Contas e Fiscalía arquivan as denuncias do PP contra o goberno ponteareán

O Goberno local de Ponteareas deu a coñecer hoxe o arquivo das denuncias presentadas polo grupo municipal do Partido Popular contra o Executivo local e contra os técnicos municipais e da Deputación Provincial, pola certificación de catro obras realizadas con cargo ao Plan Concellos. Cómpre lembrar que Salvador Solla e Belén Villar, presentaron ante o Tribunal de Contas e a Fiscalía de Vigo as denuncias nas que acusaban ao Goberno de Ponteareas conformado de ter certificado e recepcionado obras sen rematar.

Para o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, "non son precisas máis palabras que as da propia Xustiza". Non quere Represas "entrar en batallas de descalificacións" pero recoméndalle ao PP de Ponteareas "que deixe de intentar destruir e intente construir" e, do mesmo xeito, "que deixe de obstruir a xustiza con denuncias falsas e infundadas, que sexa responsable e non faga perder o tempo nin á Xustiza nin á veciñanza nin ao goberno local que traballa para construir un futuro sostible en Ponteareas".

"Nun intento máis de confundir á poboación e de impedir a mellora de Ponteareas", afirma de xeito contundente o Goberno local, o Partido Popular denunciara as obras realizadas no parque infantil da Perillana, as do centro de intrerpretación do Tea (CITEA) e senda fluvial, as do parque exterior da escola infantil e as de mellora de seguridade viaria en Canedo, "alegando en todas que foran certificadas sen estar rematadas" ou, no caso de Canedo "de faltar á verdade, de certificar partidas non executadas ou non contar coas autorizacións da Deputación e da Confederación Hidrográfica para as modificacións no proxecto".

Á vista das alegacións, da documentación presentada e das declaracións dos técnicos e dalgunhas das empresas, e tralo pertinente proceso de investigación a Fiscalía conclúe que “analizados os tres proxectos subvencionados poderíamos dicir que dous de eles estaban rematados e só no caso do proxecto de remodelación da zona de xogos na gardería infantil se asinou a certificación de obra e acta de recepción da mesma sabendo que faltaba unha pequena parte da obra por executarse pero facéndose así para que non se perdera a subvención da Deputación e na previsión e seguridade de que a obras se remataría escaso tempo despois como así ocurríu”. Nos informes técnicos presentados consta que esa pequena parte que quedaba sen facer foi por mor da mala climatoloxía e que en poucos días quedou realizada.

O Tribunal de Contas coincide coa Fiscalía declarando que, nas catro obras, “arquívense as presentes dilixencias preliminares ao non existir suposto algún de responsabilidade contable”.

Represas, á vista das resolución, afirmou que o arquivo destas denuncias "veñen a avalar a xestión e o traballo realizado dende o goberno local e supón un “varapau” para o PP de Villar e Solla na súa estratexia para impedir as iniciativas do goberno".

“Nestes case tres anos e medio só se dedicaron a atrancar, recurrir, retrasar, utilizando todas as malas artes políticas cun único obxectivo: paralizar o traballo do goberno” o alcalde engadíu que nesta estratexia de xudicialización “ao PP saíulle o tiro pola culata, afirma o rexedor local.

Dende o Goberno local afirman que a "xudicialización non é gratuita" e preguntanlle ao PP "se pensan compensar aos ponteareáns polos prexuizos causados e pedir publicamente perdón pola utilización perversa de denunciar por denunciar para intentar sacar rédito político cando sabían que non había nada de nada".

Represas lembrou os casos xudiciais nos que Solla e Villar "estiveron imputados con graves acusacións e responsabilidades políticas, evidentes nas escoitas telefónicas gravadas polo xulgado á Belén Villar". “O PP, coa corrupción que está no seu ADN sempre fai o mesmo, buscar desesperadamente de salpicar aos demáis para decir que todos somos iguais, como dí o refrán, pensa ....", rematou Xosé Represas.