ponteareas

A asociación Avelaíña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental en Ponteareas

O concello de Ponteareas conmemorou hoxe o Día Mundial da Saúde Mental. Este ano o tema elixido é a mocidade e a saúde mental, co lema da campaña, “Mocidade saudable”, co obxectivo de facer reflexionar á cidadanía sobre como se debe fomentar unha boa saúde mental na etapa moza.

En colaboración con Avelaíña realizáronse varias actividades co alumnado de tres colexios de educación infantil e primaria, un instituto e o centro Asprodico. Entre as accións programadas estivo unha marcha saudable que partíu dende o Concello de Ponteareas ata a Praza Maior. Á chegada, a Presidenta da Asociación leu un manifesto, seguido dun contacontos, da lectura de poemas por parte de dous usuarios, e as actuacións de Ana Claudia e Mariana Alves, con viola e violonchelo. O acto rematou coa actuación da coral A Porteliña, de Dar Mais.

Arredor de catrocentas persoas, entre usuarios, profesionais, familiares, achegados de Avelaíña, autoridades locais e tamén de alumnos dos centros educativos IES Pedras de Auga, Val do Tea e CEIP La Inmaculada, e as Asociacións Dar Mais e Asprodico participaron nestas actividades. A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, insiste na importancia do apoio ás familias e da detección o antes posible, “para isto é indispensable a información, achegarnos a nocións que nos axuden a intuir e acudir aos especialistas o antes posible”.

A adolescencia é un período delicado cheo de cambios, inseguridades, presións e desaxustes entre as aspiracións e a realidade. Por iso, os mozos e mozas son particularmente sensibles aos problemas relacionados coa saúde mental, polo que é fundamental coidar certos aspectos e educar na saúde en todos os ámbitos. Os datos revelan que entre o 10 e o 20 % dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos delas comezan antes dos 24. Neste contexto, o sector educativo xoga un papel fundamental, enfrontándose ao reto de crear un ambiente escolar onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados.

Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para reivindicar a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política, coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2030.

A Asociación Avelaíña naceu en 1997 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral.

Fai dous anos, atendendo a petición de Profesionais de Servizos Sociais das Comarcas de Condado e A Paradanta levouse a cabo o Proxecto Achego, subvencionado por Política Social, onde se puido constatar a inexistencia e precariedade dos recursos desta zona, agravado pola escasa comunicación no transporte público entre as súas localidades, na súa maioría rurais. Como consecuencia, encontráronse numerosos casos de persoas afectadas, sen unha atención especializada e moitos casos sen diagnosticar con familias desperadas ante esta situación.

Despois do Proxecto Achego, Avelaíña botou man dos seus profesionais contando cunha psicóloga e unha educadora social, para dar continuidade a atención iniciada, tentando lograr que se poña en funcionamento unha unidade de apoio especializada nesta Comarca. Actualmente presta servizos a través de dous dispositivos, situados, un en Ponteareas e otro en A Cañiza ofrecendo atención, información e asesoramento, apoio psicológico e actividades de rehabilitación psicosocial a persoas afectadas e as súas familias.