ponteareas

ACiP denuncia «amiguismo» do Goberno con determinados propietarios de fincas urbanas

Semanas despois de denunciar a situación na que se atopa a finca de Granitos, en pleno casco urbano de Ponteareas, ACiP volve a carga desta volta co estado da leira que, segundo sinala a formación independente "segue a ser o mesmo en canto a sucidade e perigosidade para os usuarios; os últimos coincidindo coas festas patronais, pois volveu a usarse como aparcadoiro público sen adoptar medida algunha".

Ante esta situación, e xa atendendo a obrigatoria ─por lei─ limpeza de fincas, especialmente preto de núcleos urbanos, ACiP ven de solicitar no Concello a listaxe de leiras urbanas as que o concello enviou notificación esixindo o cumprimento da normativa. Segundo sinala o seu portavoz, Juan Carlos González Carrera, nesa listaxe "non aparece a de Granitos" o que leva ao portavoz independente a falar de "simpatías e amiguismo".

“Tal e como indica a lei de prevención de incendios forestais, o goberno municipal ten a obriga de comunicar e esixir a tódolos propietarios que manteñan limpos os terreos”, sostén o voceiro municipal de ACiP, Juan Carlos González Carrera, “e se a lei e igual para todos, tamén o é para os propietarios da leira de Granitos; máis aínda sendo un terreo que o concello usa como aparcadoiro, que está preto de vivendas e que, como xa o denunciamos, o seu estado de limpeza, seguridade e salubridade é nefasto. Aquí hai un claro caso de favoritismo e iso non se pode permitir”.

granitos acip 01

Ante a negativa do goberno municipal a actuar de oficio e comunicar por igual a todos os propietarios de leiras a cumprir coa lei, ACiP decidiu presentar denuncia no concello esixindo o cumprimento da norma. Alén diso e en relación con esta finca de Granitos, González Carrera insiste en que “agardamos con ansia o documento definitivo do Plan Xeral, porque sospeitamos que haberá sorpresas con esa finca”