ponteareas

Ponteareas conclúe a primeira fase da mellora da seguridade viaria na estrada de Cillarga

A concellería de Vías e Obras que dirixe a tenente de alcalde, Chus Garrote, vén de dar conta da conclusión das obras da primeira fase do proxecto de mellora da seguridade viaria en Cillarga, Cumiar, Ribadetea, e Mouro, en Padróns. Os traballos contaron cun investimento total de 89.978,74€, dos que o concello asume 18.640,32 € e o resto corre a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As obras, sinalaba Garrote, "dan resposta ás necesidades de 220 veciños e veciñas que residen nestas zonas".

Asfaltado, limpeza de cunetas, canalizacións de augas, sinalización e pintado son algunhas das obras que se acometeron nestes viais. Chus Garrote subliñaba que o caso da estrada de Cillarga "supuña xa unha actuación de emerxencia xa que ese tramo estaba completamente intransitable". “Dado o elevado custe da mellora de toda a estrada Cillarga-Areas, ─explicaba a tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras─ procedeuse a comezar nunha primeira fase polo tramo que enlaza o núcleo de Cillarga no que viven 78 veciños e veciñas coa estrada de Ribadetea para acometer obras no resto do vial en seguintes fases”.

Deste xeito, a veciñanza do barrio de Cillarga conta xa cunha estrada cómoda "logo de moitos anos de abandono e deixadez de Gobernos anteriores nos que foron perdendo calidade nas vías de comunicación converténdose a existente nunha boa parte nun camiño de terra no que os tramos asfaltados sucédense con zonas de buratos fondos que obrigan transitar a velocidade moi baixa", afirmou Chus Garrote.

A "boa relación entre as distintas administracións saneamento económico do Concello permiten agora ir dando resposta a todas as demandas veciñais que durante anos estaban arquivadas no caixón", remata a edil ponteareá.