ponteareas

A Xunta executará traballos de eliminación de barreiras arquitectonicas no «Bouza Brey» de Ponteareas

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, trasladoulle hoxe, á concelleira ponteareá Cristina Fernández, nunha reunión mantida na Delegación Territorial, a a posta en marcha de obras de eliminación de barreiras arquitectónicas no CEIP Fermín Bouza Brey. Na reunión abordouse tamén o peche da escola unitaria de San Mateo de Oliveira que, segundo a Xunta, conta "con tres alumnos sen que houbera novas matriculacións para o próximo curso".

No que ás obras do Fermín Bouza Brey fai referencia, a Consellería de Educación investirá máis de 40.000 euros nos traballos de supresión de barreiras arquitectónicas deste centro, así como tamén acometerá nos próximos meses outras obras de mellora nos centros Feliciano Barrera e Ramiro Sabell de Ponteareas. César Pérez Ares recordoulle á Cristina Fernández que na presente lexislatura "xa se investiron nos colexios e institutos de Ponteareas máis de 2,5 millóns de euros, dos cales 1,5 corresponden a obras executadas nos colexios de Infantil e Primaria da localidade".

Por outra banda, tamén se abordou a situación do peche perimetral do recinto escolar do Fermín Bouza Brey no linde nordeste que presenta unha lixeira inclinación cara ao interior da parcela escolar. Segundo o informe da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación, as causas de esta inclinación son a acumulación de terras e vexetación nas parcelas lindeiras, motivo polo cal, César Pérez Ares transmitiulle á concelleira que sexa o Concello, como dono da parcela onde se atopa o centro, quen tome as medidas de seguridade necesarias e que urxa aos propietarios destes premios colindantes a que leven a cabo as accións necesarias para evitar o desprendemento deste muro.

Finalmente, na reunión celebrada esta mañá analizouse o peche da escola unitaria de San Mateo de Oliveira, recordando Pérez Ares que na actualidade o centro conta con tres alumnos sen que houbera novas matriculacións para o próximo curso. “Esta situación xa foi trasladada pola Inspección Educativa aos pais en maio deste ano. Ante a falta de alumnos ofrecéuselles o CEIP Santiago de Oliveira, que se atopa nas inmediacións desta unitaria e que tamén perde alumnado para o próximo curso, pasando de 36 a 28 alumnos en Infantil”, engadiu o xefe territorial, matizando que a baixada de alumnos é xeralizada na maioría dos colexios de Ponteareas.