ponteareas

Ponteareas solicita unha reunión urxente coa Xunta sobre a seguridade viaria da PO-403

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas vén de solicitar unha reunión "urxente" coa Consellería de Infrestruturas da Xunta de Galicia para tratar todo o relativo á seguridade viaria da PO-403, unha longa demanda veciñal que viña advertindo, hai tempo, da súa perigosidade, non só polo intenso tráfico rodado que soporta, senón polo elevado número de veciños e veciñas que realizan os seus desprazamentos a pe para achegarse ao casco urbano.

O Goberno ponteareán esixe á Xunta de Galicia "unha resposta inmediata" para garantir a seguridade peoníl neste tramo da PO-403 que cruza o núcleo urbano e unha zona densamente poboada. Xosé Represas pide á Conselleira que concrete as actuacións urxentes de mellora de seguridade para os centos de peóns "que a diario utilizan as marxes da estrada PO-403 , nunha zona densamente poboada nas parroquias de Angores e Moreira, así como o tramo que cruza o núcleo urbano na Avenida Castelao".

“Agardamos que asuman as súas competencias, é unha estrada da Xunta e é a administración autonómica quen ten que realizar as obras” manifestou Represas engadindo que “estamos a falar de seguridade peonil, da vida das persoas”. “Hai unha serie de actuacións que non son moi costosas ─explicou o alcalde─ que mellorarían a seguridade peonil, obras que poden realizarse a curto prazo sen necesidade de ocupación de novos terreos, só fai falta vontade política. Iso é o que lle pedirei á conselleira”.

“É un grave problema que urxe resolver, se a Xunta se nega, os veciños non poden seguir agardando, farémolo dende o Goberno municipal”, afirma o alcalde de Ponteareas que agarda que non sexa preciso chegar a iso "porque a Xunta conta con recursos suficientes para realizar estas obras".

“Xa non se pode agardar máis, logo de vinte anos pedindo un compromiso xa non se pode seguir obviando unha situación de risco tan alta como esta que onte se saldou coa vida dunha persoa”, engade a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.