ponteareas

«Ponteareas no tempo» ou a recuperación da historia da veciñanza

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Hortensia Bautista, presenta o vindeiro xoves día 14 de xuño, ás 20:00 h no Salón de Plenos da Casa do Concello, o proxecto «Ponteareas no Tempo», un proxecto que pretende recuperar a historia do municipio a través das fotografías que están nos caixóns das casas das veciñas e veciños e as historias que as nosas xentes saben sobre as mesmas.

A intención do Concello, tal e como explica a concelleira de Cultura, "é deixar un legado ás xeracións futuras", polo que este non é un proxecto para uns meses ou para un ano, "senón un proxecto colectivo para que perdure no tempo", de feito, di Hortensia Bautista “somos conscientes de que cada día que pasa se perde unha historia, polo que queremos contar coa colaboración de cada familia, cada barrio, cada parroquia e cada colectivo ou entidades que axuden a recuperar a nosa historia e contala aos máis novos. Cada un de nós coñece unha historia que ninguén mais sabe, por iso todos somos importantes”.

A concelleira convida a todas aquelas persoas que queiran coñecer máis e participar neste proxeto que se acheguen o vindeiro xoves ás 20:00 h. ao salón de plenos do Concello, onde se presentará publicamente esta iniciativa.
Para calquera información que precisen deben porse en contacto co departamento de cultura a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 672 105 472.