ponteareas

A actriz e presentadora Nieves Rodríguez será a pregoeira das festas do Corpus 2018

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, coa pregoeira das Festas do Corpus Christi 2018, Nieves Rodríguez O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, coa pregoeira das Festas do Corpus Christi 2018, Nieves Rodríguez

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentou hoxe en Santiago de Compostela, á pregoeira das festas do Corpus Christi 2018 nun acto celebrado na biblioteca Consello da Cultura Galega. A actriz e presentadora de televisión, Nieves Rodríguez, será a encargada de ler o pregón o vindeiro sábado 26 no auditorio municipal de Ponteareas.

Veciña da comarca do Baixo Miño, Nieves Rodríguez, garda entre as súas lembranzas as primeiras visitas ás alfombras florais e o grato recordo que lle deixou o traballo colectivo e a unidade dun pobo para crear arte.

En Santiago, Xosé Represas convidou a todos os galegos e galegas "a participar nesta festa declarada Ben de Interese Turístico Internacional que cada ano congrega a milleiros de visitantes". Con dous séculos de historia, explicou Represas, as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas "son o reflexo da capacidade dun pobo de transmitir unha herdanza e sabedoría popular que entraña diferentes técnicas de deseño, coordinación de equipos e un longo etc de tarefas que durante máis dun mes ocupan o tempo dos e das alfombristas ponteareás, todo isto transmitido de xeración en xeración".

nieves rodriguez pregoeira 01

O Goberno de Ponteareas solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial (BIC) pola súa longa tradición, por ser unha arte efímera realizada e transmitida polo pobo, pola creatividade que supón e polos coñecementos populares que implica e que son con experiencia son adquiridos, en definitiva, as alfombras florais do Corpus son o reflexo do sentir dun pobo.

Nieves Rodríguez adiantou que no seu pregón "as xentes de Ponteareas e os seus e súas alfombristas terán especial protagonismo".

Xosé Represas pola súa parte sinalou que, nestes intres, Ponteareas estase a preparar para ter todo listo para a chegada dos máis de cincuenta mil visitantes que se espera se acheguen á vila do Tea no dous ou tres de xuño. Este ano darase un paso máis na mellora da atención ofrecida aos turistas e cidadáns e incorporarase un punto de atención turística á praza de Bugallal entre outras novidades que irán vendo a luz ao longo destes quince días previos ao Corpus.