Mondariz inicia as obras de reforma da Casa Consistorial para reagrupar os servizos municipais

O Goberno local de Mondariz iniciará as obras de reforma da planta baixa da Casa Consistorial de cara a dar cabida a os servizos de Orientación Laboral, Educación Familiar e Servizos Sociais que, ata o momento, tiñan as súas oficinas no Centro Social. As obras permitirán o reagrupamento de todos os servizos municipais, o que suporá unha maior comodidade para veciños e veciñas ao poder realizar as distintas xestións co Concello, evitando desprazamentos entre dependencias municipais.

Esta reorganización de servizos é aínda máis importante si se ten en conta que no entorno da Casa Consistorial atópanse o Centro de Saúde e o Centro de Día. As obras contan cun orzamento de 60.138,80 euros que será cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

Este reagrupamento de servizos, afirma o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, “ten beneficios engadidos a maiores da comodidade que poida supoñer para a veciñanza realizar os trámites nun mesmo lugar” xa que, explica o rexedor local, “o edificio do Centro Social gañará espazo que poderá ser dedicado á celebración de cursos, obradoiros ou actividades culturais”. É dicir, o Centro Social “recupera a finalidade para a que inicialmente foi concibido” apunta o alcalde de Mondariz.

Cómpre salientar que en mais dunha ocasión, e ante a falta de espazo físico para a realización de actividades, houbo que recorrer ao soto do Centro Social, espazo inicialmente pensado como almacén e, polo tanto, pouco adecuado para outras actividades.

Como beneficio colateral das obras que se van iniciar, está a diminución de consumo no propio Centro Social que, de momento, contaba con iluminación a base de halóxenos e que, nos meses de inverno, precisaba de radiadores eléctricos para caldear o edificio. O traslado dos servizos alí instalados aos baixos da Casa Consistorial, permitirá estudar alternativas para o Centro Social de cara a súa optimización enerxética.

Xa no que a obra propiamente dita fai referencia, a maiores da distribución de espazos para comodidade tanto de usuarios e usuarias coma de persoal municipal, o actual aseo feminino instalado na planta baixa, será convertido nun aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida do que, ata o de agora, carecía a Casa Consistorial.

Trátase polo tanto, explica o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, dunha obra “case que imprescindible xa que permite reagrupar servizos en beneficio dunha maior axilidade administrativa e comodidade para a veciñanza e, ao mesmo tempo, liberar espazos no Centro Social, de cara a permitir o desenvolvemento de actividades lúdicas, culturais e formativas nun marco máis axeitado”.
Os baixos da Casa do Concello

O espazo que se reformará estaba ocupado, ata o momento, polas dependencias da Policía Local e a Oficina de Correos, de tal xeito que servizos como Orientación Laboral, Educación Familiar e Servizos Sociais, tiveron que ser trasladados ao Centro Social, único inmoble de titularidade municipal que contaba co espazo necesario.

No 2017, o Goberno de AporM, logo de anunciar ao Servizo de Correos que se trasladaba a unha nova localización, decidiu reorganizar os espazos municipais dedicados á prestación de servizos. Así, reformábase un local municipal —a escasos metros da Casa do Concello— para albergar as instalacións da Policía Local, para o que se contou cunha axuda da Xunta de Galicia.