O BNG leva ao Parlamento Galego a situación do pediatra en Mondariz

Xosé Emilio Barros, portavoz do BNG no Concello de Mondariz Xosé Emilio Barros, portavoz do BNG no Concello de Mondariz

O BNG de Mondariz, a través do Deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, vén de rexistrar unha pregunta na Comisión de Sanidade, dirixida ao goberno do PP na Xunta de Galiza, para coñecer e demandar a reposición regular do facultativo especialista en pediatría para o centro de saúde da localidade. A Pediatría do Centro de Saúde de Mondariz vén ofrecendo cobertura a máis de 400 nenas e nenos das localidades de Mondariz e Mondariz Balneario, trasladándose e cubrindo tamén á localidade de Covelo.

Actualmente esta praza, debido á baixa laboral e posterior traslado da titular da mesma a outro destino, permanece vacante, sen que dende a Xunta se adopten medidas para repoñer este servizo de forma normalizada, a pesares de ser coñecedores desta circunstancia.

Mondariz leva sufrindo dende antes do verán múltiples desvíos de citas de pediatría a Ponteareas. O Sergas ofrece o servizo na localidade só algúns días, e sen saber cando vai haber ou non pediatra, o que provoca un servizo incorrecto, que non cubre as necesidades pediátricas reais.

centro saude bng

O portavoz do BNG, Xosé Emilio Barros, afirma que “dende o BNG levamos advertindo desta situación dende fai máis de dez anos, reclamando a través de múltiples iniciativas melloras no servizo de atención primaria”. Barros denuncia que “esta situación continúa a incidir na liña marcada polo Partido Popular de recortar servizos públicos para favorecer os servizos sanitarios privados”.

Acordo unánime da Corporación municipal
A través dunha iniciativa rexistrada e defendida no derradeiro pleno da corporación, o BNG acadou o acordo unánime de todos os grupos para instar á Xunta de Galiza a garantir a prestación do servizo de pediatría na localidade, demandando un compromiso en firme por parte o goberno de Núñez Feijoo para a reposición do facultativo pediátrico durante o período de traslados, baixas ou vacacións do titular da praza, coa finalidade de manter un servizo sanitario infantil próximo e de calidade.

O portavoz do BNG, Xosé Emilio Barros, afirma que “a defensa e o mantemento deste servizo resulta de vital importancia para frear a caída demográfica que padecemos na localidade” e acusa ao Goberno local de "agochar o apoio unánime dos representantes de todas/os as veciñas/os diante dun problema de tanta transcendencia para Mondariz".