Xoán Carlos Montes solicita unha reunión "urxente" para tratar sobre o servizo de pediatría

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, vén de remitir unha carta ó xerente do SERGAS e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, na que solicita “unha reunión urxente” co seu titular, Jesús Vázquez Almuíña, de cara a solucionar a situación pola que atravesa o servizo de pediatría do Centro de Saúde “e garantir o funcionamento continuo e de maneira estable”.

O rexedor local considera “absolutamente inaceptable” que “por resolución do concurso de traslado da facultativa”, Mondariz quede, a partir do 7 de novembro e unha vez máis, sen este servizo que, afirma Montes Bugarín no seu escrito “deixa sen cobertura médica á poboación máis vulnerable”.

No seu escrito, o alcalde de Mondariz lémbralles ao conselleiro e ao xerente que se trata dunha situación “que deixa sen cobertura sanitaria a máis de 500 nenos e nenas non só de Mondariz, senón tamén do veciño Mondariz Balneario”. Para o Goberno de Mondariz, non é de recibo que se obrigue ás familias a desprazarse ata o Centro de Saúde de Ponteareas “o que para moitos veciños e veciñas das parroquias, significa un desprazamento de preto de 20 quilómetros”. A esta situación, engádese o feito de que o transporte público dende Mondariz é moi deficiente, polo que a única alternativa que lles queda “é o taxi o que supón un gasto extra innecesario que, ademais, non todas as familias poden asumir economicamente”.

Xoán Carlos Montes Bugarín mira de difícil comprensión que “por unha banda o Goberno galego fale de frear o despoboamento do rural e asentar veciñanza, e por outro cada vez lle reste máis servizos básicos imprescindibles para este asentamento que tanto anuncian”.