Mondariz mellora a accesibilidade e seguridade viaria na zona escolar

O Concello de Mondariz vén de dar por rematadas as obras de mellora da accesibilidade e seguridade viaria que, durante estas semanas, desenvolvéronse na avenida Grupo Escolar e Merouces. As obras realizadas  contaron cun investimento de 23.122 euros con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Os traballos permitiron a creación dun paso de peóns sobreelevado de gran amplitude, un elemento necesario, sinalaba o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, “xa que é paso obrigado tanto para os escolares que, diariamente, acoden ao CEP de Mondariz, coma para o acceso á zona deportiva”.

As obras incluíron tamén a renovación do solo dende o remate as escaleiras que conducen á Praza do Concello ata a propia calzada, que agora conta cunha superficie máis axeitada e cómoda para as moitas persoas que diariamente acceden, dende aí, ao centro do pobo.

obras accesibilidade zona escolar 12

A mellora da contorna conseguiuse tamén coa instalación de novas luminarias led que, por unha banda, mellorarán a iluminación da zona, especialmente do paso de peóns durante as horas de pouca luz e, doutra banda, reducen o consumo eléctrico. Do mesmo xeito, para reforzar a seguridade viaria, a zona dotouse de novas beirarrúas, máis amplas e humanizouse con zonas axardinadas.

Finalmente as obras incluíron a instalación de elementos de mobiliario urbano, como bancos ou mesmo aparcadoiros para bicicletas, que contribúan a facer o entorno máis agradable e cómodo.

Xoán Carlos Montes Bugarín, amosaba a súa satisfacción “por unha obra absolutamente necesaria que mellora considerablemente, non só a seguridade dos nosos nenos e nenas, senón tamén o aspecto dunha zona moi frecuentada polos veciños e veciñas”.