Pasarela 'Mondariz Midnight Fashion Show', mañá, en Mondariz Balneario

Mondariz Midnight Fashion Show chega á súa cuarta edición, este venres, 30 de xuño, nunha noite máxica que será un encontro de xentes da moda, responsables do 'Made in Galicia'. A pasarela, que se celebra ás 21.30 horas na contorna dos xardíns do Gran Hotel do Balneario de Mondariz, estará aberta ao público en xeral e terá continuación nunha cea onde se entregará o III Premio Gene Cabaleiro aos Novos Valores do Deseño Galego. Un evento que conta coa colaboración de Twenty Century Fox e Grupo ABC Asesores Tributarios e Avogados.

Este galardón pretende potenciar a traxectoria dos novos creadores da comunidade, impulsando as súas propostas creativas. O premio nace da aposta do Balneario por apoiar o mundo da cultura, o deporte e a sociedade a partir da súa tradición de mecenado instaurada polos seus fundadores, os irmáns Peinador. Os novos deseñadores que presentarán as súas creacións serán este ano Ana Belén Villanueva, Cristian García, Marta Portela, Milagres Horta, Miriam Guerreiro, Mónica A. Contracorriente, Noela Rodríguez, Nuria Porto, Patricia Díez, Sandra Táboas, Andy González e Berta Miranda, pechando a pasarela Ángelica Moda cun fin de festa.

Mondariz Midnight Fashion Show pretende ter unha continuidade anual e, a semellanza da pasarela Luar e Luada daquela época, dar a coñecer o movemento creativo local que xa está presente en pasarelas nacionais e internacionais como un novo valor en alza. Baixo a coordinación de Tania Pando farase un percorrido polas tendencias para a tempada Primavera/Verán 2017 de muller e home nunha chiscadela á forza masculina de Gene Cabaleiro que pechará o desfile coa imaxe innovadora que o fixo famoso en todo o mundo nos seus inicios e que aínda, a pesar do paso do tempo, continúa de plena actualidade.

Se nos oitenta e noventa, o Made in Galicia vestía a xente da talla de Elton John, Miguel Bosé, Don Johnson, entre outros, da man do deseño vigués, na actualidade os creadores da cidade son habituais en series, películas e vestiarios de concertos nacionais e internacionais como proba de que a imaxinación local volve estar de moda e de plena actualidade. Unha oferta do que realmente significa o selo Galicia Calidade nestes momentos dentro e fóra das nosas fronteiras.