Reunión informativa do BNG en Mondariz Balneario sobre a situación da pediatra

César Gil, portavoz do BNG de Mondariz Balneario César Gil, portavoz do BNG de Mondariz Balneario

O BNG vén de convocar ás veciñas e veciños de Mondariz Balneario a unha reunión informativa sobre a situación na que se atopa a pediatría para as nenas e nenos da localidade. A xuntanza celebrarase este mércores 28 de novembro, ás 18:30 h na Sala da Cultura de Mondariz Balneario, na que tamén participarán portavoces da recen creada Plataforma en Defensa do Servizo de Pediatría "que o BNG apoia dende a súa recente creación", aseguran os nacionalistas.

O Portavoz Municipal do BNG, no municipio balneario, César Gil, sinalou que esta xuntanza “servirá para facer unha análise conxunta coa veciñanza da situación actual e para establecer as medidas e reivindicacións a seguir para garantir un servizo de pediatría digno para as familias do noso municipio”. 

César Gil lembra que “o BNG xa rexistrou no Parlamento Galego unha iniciativa para que o goberno do PP na Xunta responda ante a problemática da pediatría de Mondariz, que nos afecta tamén aos concellos de Mondariz Balneario e Covelo”. “As veciñas e veciños estamos pagando os recortes do goberno de Feijoo, que están provocando un deterioro continuo da atención sanitaria primaria que se ceba especialmente co persoal médico, coa redución de prazas e a precarización das súas condicións laborais”, conclúe o Portavoz Municipal do Bloque.