Francisco García, exalcalde de Allariz, participa nun acto do BNG en Mondariz Balneario

Francisco García, exalcalde de Allariz, participará este sábado 29 de setembro, nun acto en Mondariz Balneario no que o exrexedor achegará a súa experiencia na transformación da localidade ourensá. Os nacionalistas de Mondariz Balneario, presentarán as súas propostas para ó desenvolvemento das potencialidades do municipio balneario baseándose na experiencia de Allariz.

O acto, totalmente aberto ao público, terá lugar no Restaurante Atalaya, dende as 18 horas. Posteriormente, García acompañará aos membros do BNG e ás persoas asistentes nun paseo pola vila no que comprobarán o estado dos bens patrimoniais e as súas potencialidades. O percorrido rematará na Praza da Música, onde o exalcalde alaricano exporá xunto aos concelleiros do BNG as conclusións deste encontro.

O portavoz Municipal do BNG en Mondariz Balneario, César Gil, sinala que a intención e aproveitar o coloquio e posterior paseo "para denunciar o abandono ao que o goberno do PP de José Antonio Lorenzo ten sometido ao patrimonio da nosa vila". Gil destaca que “contando cun referente como Paco García, alcalde durante dezaoito anos e impulsor da transformación que viviu Allariz, poremos en común as alternativas políticas do BNG para darlle vida a Mondariz Balneario, recuperando o noso patrimonio e poñéndoo en valor”.

César Gil salienta que fronte a un alcalde e un goberno do PP "desganado e sen novas ideas para a vila", o BNG "ten un proxecto de futuro para Mondariz Balneario, con ideas claras e con capacidade para xestionalo”. Neste sentido, o portavoz do Bloque asegura que a celebración deste encontro “marcará o fin do ciclo político de José Antonio Lorenzo e a apertura dun tempo novo para Mondariz Balneario, cun goberno á altura do que merecen as nosas veciñas e veciños”