«I Encontro Empresarias Galicia», a reinvención profesional como aposta de futuro

Balneario de Mondariz acolleu o I Encontro Empresarial Empresarias Galicia coa colaboración do GDR Condado Paradanta que trata de dinamiza social e economicamente a comarca, apoiando neste caso ao emprendemento feminino. Un xantar ao que asistiron máis dunha trintena de empresarias.

No xantar falouse dos novos retos nas mulleres, a partir do relatorio «Reinventarse profesional e persoalmente. Unha aposta de futuro», que corría a cargo da directora de Comunicación do Balneario de Mondariz quen realizou un paralelismo entre a súa «reinvención profesional» desde a prensa diaria ao seu traballo nas direccións de comunicación de empresas como Gene-Cabaleiro D’Aquino, Mundo Noivas, Carolina Herrera, Pili Carreira, Talaso Atlántico e Balneario de Mondariz, onde traballa desde 2004, e o desenvolvemento de empresa de éxito e marca da vila termal galega.

Coa idea de que "os postos de responsabilidade nas empresas necesitan paixón e traballo en equipo", deuse a coñecer o proxecto humano que o presidente de Balneario de Mondariz, Javier Solano, leva desenvolvendo desde 1994 cando iniciou a recuperación do complexo nun momento no que o termalismo se tachaba de “obsoleto”. Un xantar networking no que estivo presente a vicepresidenta de Mulleres Empresarias, Mar Ferrero e o director xeral do Balneario de Mondariz, Kiko Rial, que se uniu á xornada de traballo con empresarias de diferentes sectores da economía do sur de Galicia.