O BNG culmina a renovación do seu Grupo Municipal en Mondariz Balneario

O BNG rematará o proceso de renovación do seu Grupo Municipal en Mondariz Balneario coa toma de posesión, como concelleiro, de Mauro Chivite no vindeiro Pleno, que se celebrará neste mes de xuño. Esta incorporación, sumada á recente entrada na corporación municipal de Marcos De La Fuente, supón a substitución de Alicia Lorenzo e Francisco Chivite, quen até agora exercía como portavoz nacionalista.

O novo Portavoz Municipal do BNG é César Gil, de 26 anos, que acumula sete anos de experiencia na Corporación municipal como concelleiro do Bloque. Gil traballa no departamento de xestión administrativa do Balneario de Mondariz e desenvolve unha ampla actividade sociocultural e deportiva en toda a comarca.

Pola sua banda, Mauro Chivite traballa como investigador no departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Vigo e Marcos De La Fuente é técnico Forestal e cursa o grao de Enxeñería Agraria.

Cesar Gil destacou “o impulso que significa esta renovación para o proxecto alternativo que o BNG foi definindo na vila Balnearia ao longo dos últimos 20 anos de traballo, liderado indistintamente por Alicia Lorenzo e Francisco Chivite”, que segundo adianta o portavoz, “continuarán colaborando activamente co grupo municipal”.

“O 41% do apoio da poboación recibido nas últimas eleccións, avalou a traxectoria dun proxecto positivo para Mondariz Balneario ao que se seguen sumando novos efectivos, polo que pensamos que chegou o momento de polo en práctica asumindo responsabilidades de Goberno para as que estamos sobradamente preparados”, indicou César Gil.

Os membros do grupo municipal fixeron un chamamento a complicidade das veciñas e veciños de Balneario para rematar “co longo período de mandato de José Antonio Lorenzo, que leva anos estancado na autocomplacencia mentres a vila mostra signos moi preocupantes de falla de actividade económica e social con perda continuada de poboación”. O BNG indica que “en Balneario saltaron xa todas as alarmas e o cambio de Goberno nas vindeiras eleccións de 2019 é unha auténtica emerxencia”. “A nosa proposta é implicar a toda a cidadanía ,sen distinción, nunha nova etapa participativa, un novo modo de construír a vila do que sentírmonos orgullosas e orgullosos”, sinalou o Bloque.

O BNG destaca a xuventude e o alto nivel de formación dos tres membros do novo grupo municipal, así como “o seu enraizamento na sociedade da vila, na que representan a xeración mais preparada da súa historia, á que con certeza lle corresponderá liderar o porvir de Mondariz Balneario dos próximos anos”.