A inscrición do Campamento Familiar, abre unha ampla programación de Nadal nas Neves

O Concello das Neves vén abrir o prazo para o campamento ambiental  ‘O noso medio’, pensado para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal. O campamento será totalmente de balde e comezará as súas actividades o luns 24 de decembro para pechalas o venres 4 de xaneiro de 2019. Poderán participar no mesmo nenas e nenos de entre 4 e 12 anos de idade que poderán participar en diferentes actividades dende as 9 da mañá. As inscripcións poden facerse xa no enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

'O noso medio' forma parte dunha ampla programación de Nadal impulsada dende o Concello das Neves e que inclúe interesantes propostas. 

Obradoiro de Decoración de Nadal, para nenas e nenos de 5 a 12 anos (entre o 4 e o 19 de decembro, na Biblioteca Municipal); Concerto Didáctico Dúas picariñas ourensás, da man de Senén Vaamonde e dous músicos do grupo A Roda. O concerto está dirixido a nais e pais con menores a partir de 2 anos de idade. A actividade terá lugar o sábado 22 de decembro, ás 18 horas na Biblioteca Municipal.
‘Concerto de Nadal’ da Banda de Música de Rubiós, o domingo, día 23, ás 7 da tarde no Auditorio Municipal (ao remate haberá chocolate e Requeixo servido pola Coperativa do Requeixo e Mel das Neves).

Doutra banda, a programación do Nadal nas Neves inclúe a xa tradicional Carreira Popular Solidaria do Pavo que con esta chega xa a súa sexta edición. A proba terá lugar o luns, día 24, con saída na Praza Maior, organizada pola ACD Sanomedio.

A programación continúa o venres 28 de decembro ás 12 horas na Praza do Concello, coa visita do Apalpador e Apalpadora. En caso de choiva e actividade trasladarase ao Mercado Municipal.

Actuación Infantil ‘María Fumaça’, venres 28 ás 18 horas no Auditorio Municipal. O sábado 29 e domingo 30, de 10 h a 21 h, ‘Mercadiño de Nadal: da man que ti queiras’, na Casa da Xuventude.

Concerto de Ano Novo de Corais, o domingo 30 de decembro, coa Coral Santa María das Neves e o coro invitado Lacedorium de Salvaterra de Miño, ás  6 e media da tarde no Auditorio Municipal con chocolate ao remate xunto con Requeixo e Mel.

Cabalgata de Reis, organizada polo Concello, coa colaboración do Voluntariado de As Neves, o sábado 5 de xaneiro de 2019, con saída ás 18 horas dende a Rotonda do Montesol, con percorrido polo centro da vila e remate no Pavillón Municipal. Haberá obradoiros, inchables e entrega de agasallos aos máis pequenos.