salceda 2017

Os provedores de Salceda recorren á vía xudicial para cobrar

O alcalde Marcos Besada, acompañado dos Concelleiros José Luis González e Miguel González, nunha reunión que mantivo cos provedores do Concello que terán que recorrer á via xudicial para cobrar o que se lles adebeda O alcalde Marcos Besada, acompañado dos Concelleiros José Luis González e Miguel González, nunha reunión que mantivo cos provedores do Concello que terán que recorrer á via xudicial para cobrar o que se lles adebeda

Unha vez máis, os provedores do concello de Salceda de Caselas, deberán recorrer á via xudicial, ao non aprobar o Pleno o recoñecemento extraxudicial de crédito que permitiría ao Goberno liquidar o que se lles adebeda. O Equipo de Goberno levou en dúas ocasións ao Pleno, o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito "e nas dúas ocasións tanto PP como PSOE impediron a aprobación do mesmo" asegura o Concello. Así, ao igual que non 2016, aos autónomos e empresas só lles queda a vía da demanda xudicial.

Precisamente no 2016, ao igual que nesta ocasión, os grupos da oposición de Salceda negáronse a aprobar o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito para o pago das facturas pendentes, emitidas por diversos servizos e suministros feitos para o Concello.

Dende Movemento Salceda, denuncian "a enorme irresponsabilidade dos grupos da oposición" que, afirma o Goberno local, antepoñen "os seus intereses sobre os intereses das empresas e autónomos/as que traballan para o Concello de Salceda, e o que é máis grave, sobre os intereses dos propios veciños e veciñas".

Movemento Salceda subliña o feito de que o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito "é unha figura legal que permite ás empresas cobrar polos seus servizos sen ter que recorrer aos xulgados", pero "PP e PSOE empregaron unha vez máis a súa maioría para bloquear a acción de Goberno nunha nova pinza que comeza a ser xa demasiado habitual", afirma Movemento Salceda.

Dende o Equipo de Goberno de Salceda lamentan que a cuestión tivese que rematar por vía xudicial “polo afán de bloqueo da acción de Goberno por parte de PP e PSOE”.

Marcos Besada, alcalde de Salceda, afirmou que a oposición “segue sen asumir a súa derrota nas urnas e queren gobernar o Concello dende a oposición" e cualifica de "surrealista" o que se lle está a facer aos provedores, xa que o certo é que "se lles impide cobrar polos traballos realizados, e empregándoos como chantaxe ante o Equipo de Goberno”.