salceda 2017

Salceda traslada, ao domingo 18, o desfile de Entroido da Feira e Castro Barreiro

As malas condicións meteorolóxicas previstas para hoxe, veñen de obrigar á «Asociación Entroido» da Feira e a «Asociación Xuvenil Nós Somos Nós» de Castro Barreiro, a aprazar o desfile e «enfrontamento» entre estes dous barrios e que supón un dos grandes atractivos do Entroido de Salceda. O desfile trasládase ao domingo 18 de febreiro no que, todo apunta a elo, as condicións do tempo serán máis favorables para o lucimento deste espectacular desfile.

Dende hai máis dun século, nunha tradición única no sur de Galicia, ámbolos dous barrios manteñen un «enfrontamento» no desfile das súas carrozas e comparsas que son creadas no máis absoluto segredo, sen que un barrio teña nin a máis mínima pista do que fai o outro.

O programa a desenvolver o domingo 18, mantén os horarios inicialmente previstos. Así, ás 17:00 horas terá lugar a presentación das centenarias carrozas de Castro Barreiro e a Feira nas rúas da vila e Praza do Concello. As 19:00 horas, terá lugar un novo enfrontamento no Cruceiro de Fontedapedra. Pola noite, e para rematar o entroido, terá lugar unha extraordinaria verbena en ámbolos dous barrios.